Novas recentes

As linguas dos TFG e TFM de 2020

Xunto cos datos sobre a lingua empregada polo profesorado para impartir a súa docencia, os datos sobre o idioma en que o alumnado redacta e defende os seus traballos de fin de grao ou máster, son moi importantes para interpretar e diagnosticar cal é a situación lingüística na USC. Imos aló!

As linguas nos TFG

En 2020 presentáronse na USC 3.616 traballos de fin de grao en 63 titulacións. Os graos en que máis TFG se defenderon foron Medicina (362), Farmacia (169), Dereito (169), Psicoloxía (148), Bioloxía (129), ADE (123), Enfermaría (122), Veterinaria (110), Mestre/a (109) e Economía (100).

A lingua máis utilizada na redacción destes traballos foi o castelán (en 2.557 traballos, se asumimos que os 20 TFG en catalán son un erro de elección no despregable); a seguir o galego (en 901 TFG, incluíndo un “en grego”) e en menor medida o inglés (en 108), o portugués (en 4 traballos) e outras tres linguas (en 46 TFG). Na defensa oral, os datos varían lixeiramente: úsase menos o castelán (o número diminúe ata 2.500) e o inglés (de 108 a 96) e medra o galego (sobe ata os 970).

 


En porcentaxes globais, os usos lingüísticos do alumnado nos TFG, a tarefa académica que lle pon ramo aos seus estudos de grao, son moi semellantes aos usos lingüísticos dos docentes cando imparten clase, aínda que un pouco máis favorables ao galego, especialmente no momento da defensa oral destes traballos.

 

 

 

E tamén ao debullarmos os datos por titulacións, obsérvase, en xeral, esta mesma tendencia á converxencia: canto máis se usa un idioma, galego ou castelán, na docencia dunha titulación, máis ou usa o alumnado nos seus traballos,  aínda que con matices. Os de Ciencias da Saúde son dos graos onde o PDI máis utiliza o castelán na docencia; tamén o alumnado nos TFG nuns niveis moi similares: Enfermaría de Santiago (90,38%), Veterinaria 90,91%, Nutrición (91,49%), Medicina (92,4%) –no que maior número de traballos se presentan de toda a USC, 362-, Farmacia 94,67% (sobre un total de 169) e Odontoloxía  (95,24%). As titulacións onde máis se usa o galego nos TFG (Filoloxía Galega, , o grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, todos os graos relacionados coa formación de mestres/as, Historia, as enxeñarías en Procesos Químicos Industriais, Agrícola e Forestal; Xornalismo e Comunicación Audiovisual, Economía, Educación Social, Xeografía...) tamén son das de docencia máis galeguizada. Porén, sorprende a gran diferenza existente nalgunhas titulacións, cuxo máximo se concreta no caso de Xornalismo e Comunicación Audiovisual, que chega case aos 50 puntos.

 


O uso doutros idiomas, fóra do castelán e o galego, nos TFG é puramente anecdótico agás, loxicamente, nos graos relacionados con idiomas (Linguas e Literaturas Modernas, Lingua e Literatura Inglesa); en todo caso, destacan o 12 TFG en inglés do grao de Física (43 en castelán, 27 en galego, 12 en inglés). Tamén se leron un máximo de dous en Matemáticas, Química, Bioloxía, Medicina e... Filosofía.

Podes acceder a todos os datos e máis polo miúdo na web do Servizo de Normalización Lingüística.

Usos lingüísticos nos traballos de fin de máster

En 2020 defendéronse 1.129 traballos de fin de mestrado en 87 titulacións. O panorama lingüístico volve estar dominado amplamente polo castelán, como se reflicte na gráfica, mais cunha cifra algo máis baixa ca nos TFG. Esta foi a lingua utilizada para redactar 785 TFM e en galego están redactados 295; ademais utilízase outras linguas, como o inglés (en 41), portugués (5) e outras (3). Tamén neste caso existen diferenzas nos datos analizados entre a lingua en que se redactan os TFM e a lingua en que se len, aínda que moito menores ca no caso dos TFG.

 

 


O pasado curso impartíronse 87 mestrados (incluíndo varias edicións dun mesmo mestrado, especialidades diferentes ou campus distintos). O Máster Universitario en Avogacía (Santiago) foi a titulación en que máis TFM se presentaron, 46, oito en galego e 38 en castelán. Pero se consideramos o conxunto das diversas especialidades e campus de impartición, foron os mestrados en formación do profesorado os que sumaron maior número: 263, case a cuarta parte dos TFM, dos cales foron redactados en galego 140 e en castelán, 123.

En 32 dos 87 máster non se elaborou ningún TFM en galego: Acuicultura, Enxeñaría de Montes, Estudos Ingleses, Fiscalidade, Neurociencia, Xeoinformática, Saúde Pública, Química Orgánica... Por outra banda, sorprende que só 41 dos 1.129 TFM presentados (o 3,63%) foran redactados en inglés e que o número mingüe ata 26 (2,30%) na presentación oral. Catorce corresponden a mestrados de Estudos Ingleses, Erasmus Mundus, Formación do Profesorado, Filosofía (humanidades); dez en ciencias (Bioloxía Mariña, Física, Química Orgánica, Big Data, Estatística); nove en ciencias da saúde (Neurociencia,  Investigación Biomédica, Medicamentos, Saúde Pública), seis ás enxeñarías Ambiental, Agronómica e Química; e dous en Fiscalidade e Planificación e Xestión do Territorio (ciencias sociais e xurídicas).

De novo, tes acceso a todos os datos e máis polo miúdo na web do Servizo de Normalización Lingüística.

 

 

Martes, 04 de maio de 2021