Novas recentes

As vacinas, en 125 termos esenciais

O Servizo de Normalización Lingüística da USC acaba de publicar Termos esenciais de vacinas, unha listaxe de 125 denominacións en galego de bUSCatermos que describen conceptos relacionados cos antíxenos, as súas tipoloxías e as campañas de inmunización. Vénse sumar así aos Termos esenciais da COVID-19 nas súas vertentes sanitaria e epidemiolóxica, publicado a fins de 2020.

As denominacións están ordenadas alfabeticamente, e desde elas accédese á ficha correspondente de bUSCatermos, onde se presenta, como mínimo, a área ou áreas temáticas a que pertence, e os nomes polos que é coñecido en galego, español e inglés; e na maior parte dos casos, tamén a súa definición en galego. Se o que se quere é buscar unha palabra ou expresión noutro idioma, cómpre facelo a través da interface de bUSCatermos.

A selección dos conceptos básicos, así como a identificación dos equivalentes noutras linguas realizouse a partir das Follas de información de vacinas do Servizo Galego de Saúde, xunto cos recursos Terminologia de les vacunes (Termcat), Vaccination glossary (European Commission) e Vaccine & Immunization (Centers for Disease Control and Prevention).

bUSCatermos

bUSCatermos está formada a partir da compilación de vocabularios e dicionarios en galego, así como de rexistros elaborados no SNL para responder a consultas externas, ou a dúbidas xurdidas na revisión de textos. Permite consultar a información recollida en máis de 165.000 rexistros, que se centran na terminoloxía galega, pero recollen tamén información doutras moitas linguas como é o caso do español, portugués, inglés ou francés, entre outras.

Esta base de datos non pode entenderse como un proxecto completo nin rematado. O seu estado natural é a actualización practicamente continua, tanto para engadir novos dicionarios, vocabularios ou consultas como para reorganizar, completar e reelaborar materiais xa existentes”, explican dende o SNL.

A base de datos terminolóxica da USC bUSCatermos recibiu ao longo de 2020 a visita de 9.375 usuarios que chegaron a ver un total de 168.017 páxinas, o que supón un incremento do 24,74%  con respecto a 2019, ano no que foron vistas un total de 134.692 páxinas.

TE_vacinas

Luns, 22 de febreiro de 2021